As amizades perigosas e o frío no corpo


Imaxinamos a escena. Un ministro no seu coche oficial, co coche escolta detrás, detense inesperadamente na estación de servizo de Guitiriz, xusto a carón dun Audi serie 8 TDI, negro, de cristais afumados. Pasan segundos, algún imperceptible aceno, quizais un pequeno sinal acústico, se cadra unha chamada perdida, e do coche estacionado emerxe un home grande de gabardina negra abotoada, pelo rulo e negro coma o coche e os cristais, como a gabardina e os lentes de sol que loce, nun día, seguro, de nubes tamén escuras. Xuntos proseguen o camiño, rumbo a un xantar de empresarios.
O ministro Blanco –cambiemos de ton- di que o que tratou co empresario milagre de negro eran, de ser algo, cousas privadas, e que en ningún suposto, nunca, nunca, accedeu a ningunha pretensión ilícita do empresario Dorribo, un sorprendente emprendedor, protexido do inesquecible Cacharro, que tanto fixo de peleteiro como de imaxinativo innovador, colocando medicamentos en países do sur do planeta.
É unha mágoa que as declaracións do ministro non nos tranquilicen. Os votantes, ignorantes e manipulables, pero cada vez menos inxenuos, necesitamos que nos aseguren que os ministros de fomento non se citan nas estacións de servizo con empresarios milagre, de branco ou de negro, especialmente cando teñen un notable currículo de acaparamento de subvencións públicas. E quen di ministros, di conselleiros ou deputados.
Tampouco non somos tan parvos como para non caermos na conta de que esta operación “campión” comezou investigando e imputando a directivos nomeados polo goberno Feijoo, porque estaban mimando de maneira sospeitosa ao tal empresario. E que curiosamente agora, en período preelectoral, e nada menos que no diario El Mundo, se filtra unha parte moi significativa do sumario, aquela na que o acusado pon o ventilador e ceiba a destra e sinistra.
Está moi ben que a xente -como os deputados Cobián e Fernando Blanco do PP e BNG respectivamente- dimitan para clarexar as cousas. Mais o caso é que de novo se nos queda mal corpo. Esa sensación de que quen pisa moqueta non é quen de peneirar e controlar as súas amizades. Esas ganas de alternativa, esa nostalxia dun futuro distinto e necesario.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s