Entrevista ao Tatik Samuel Ruiz


Duarte Ferrín

Vai case un ano da morte de Samuel Ruiz García, bispo de San Cristóbal de las Casas de 1959 a 1999. Unha figura senlleira da Igrexa universal cuxa acción pastoral non é só historia senón fermento vivo. Dende a Revista Irimia presentamos unha entrevista inédita, que o tatik concedeu no 2005 e no que comparte as motivacións do seu traballo.

Cal era a situación dos indíxenas antes do levantamento do 94?

Ben, temos que ver que en México, como en toda América Latina, a situación dos indíxenas, lonxe de ser unha vontade individual ou colectiva, é o resultado dun sistema social. Deste xeito, non soamente en México ou en Chiapas senón tamén en América Latina e en todo o continente o indíxena está no nivel máis baixo da sociedade, resultado da especulación e do espolio deste sistema. Esta situación agrávase pola situación concreta de carencia de vías de comunicación e dificultades para a comercialización dos produtos do indíxena. Hai unha acción onde concertadamente pagan moi baixos prezos aos labregos indíxenas, e non só iso senón que hai unha explotación evidente. Por exemplo, tocoume ver comercios onde se enganaba á xente vendéndolles detectores de metais por cantidades estratosféricas como se fosen instrumentos para descubrir cartos baixo a terra. O máis grave foi atopar que os crimes cometidos, mesmo asasinatos e desaparicións de indíxenas, ficaban impunes totalmente.

Como influíron vostedes na toma de conciencia indíxena?

Pois, evidentemente, non podiamos pensar que a nosa acción pastoral estaba desligada desta situación. Máis aínda, preguntabámonos como os anos de evanxelización transcorreran sen facer ningunha incidencia histórica na situación. Tiñamos a evidencia de numerosos indíxenas que pensaban que eles non tiñan dereitos, non se sentían respectados. Había mesmo o abuso na cuestión das horas e das condicións do traballo: moitos indíxenas, coñecín eu algúns deles, foron utilizados como bestas de carga, non para cargar o millo ou outros produtos agrícolas do patrón ou os propios, senón para cargar ás propias persoas. Cando un cabalo, pola choiva escorregaba no camiño enselábase un indíxena e subíase o patrón ou a patroa látego en man. Esta foi, pois, unha situación tráxica. A medida que fomos achegándonos entendemos que non eran situacións individuais senón que isto consecuencia dun sistema social.
No momento presente grazas a que pouco a pouco non só houbo denuncias, senón tamén a constitución do Centro de Dereitos Humanos Fray Bartolomé de Las Casas, fóronse desenvolvendo cursos nos distintos lugares de Chiapas, nos anos en que estiven alá, e foise facendo entender como todos eramos fillos de Deus e por tanto suxeitos non soamente a obrigas senón tamén a dereitos na sociedade. Fóiselles indicando de que xeito se podían facer relatorios sintéticos, tramitacións para buscar, por exemplo, unha protección ou facer unha denuncia dun acontecemento. Neste momento o Centro ten non só o obxectivo de axudar e de estar a favor dos indíxenas senón de que teñan conciencia de que é un instrumento en mans dos indíxenas. En realidade xa varios deles representaron internacionalmente o Centro de Dereitos Humanos fóra do país cun grande resultado, mais iso tamén pon unha interpelación ao Centro porque os indíxenas dixéronnos: “vostedes deféndennos coas leis occidentais, mais tamén nós temos na nosa cultura, razóns que poden argumentarse na nosa propia defensa; así, non é só que teñamos un papel ou non para demostrar a pertenza da terra senón que temos unha relación coa terra moi diferente daquela que ten unha persoa cun instrumento de traballo: é parte da nosa forma de ser e da nosa propia cultura”. Deste xeito o Centro de Dereitos humanos está interpelado para que non só sexa un instrumento que utilizando a lei ocidental axude os indíxenas, senón que tamén haxa defensa de parte das propias construcións culturais e xurídicas da cultura indíxena.

Mellorou algo a situación dos indíxenas en Chiapas debido ao levantamento?

Como dixen ao principio a situación dos indíxenas é resultado dunha inxustiza social. Os que se levantaron en armas foron particularmente os que estaban afectados pola produción do café e o descenso vertixinoso do prezo internacional. Entón á pregunta de se mudou algo, eu preguntaría: mudou algo no comercio internacional? Quen fixa o prezo do café, os produtores, o país que os importa? Non. Hai leis económicas desligadas da ética que, se non melloran, non mellorará certamente dun xeito significativo a situación. Téñense que facer trocos na sociedade para poder ver que esas situacións que teñen consecuencia estrutural teñan un resultado diferente. Con todo, podiamos dicir que hai unha cousa irreversible no continente e non só en Chiapas: a toma de conciencia do indíxena de ser suxeito da súa propia historia. Coa celebración dos 500 anos da “descuberta” de América os indíxenas maniféstanse como suxeitos da súa historia, e din que eles non están dispoñibles para poder celebrar con grande fasto aquilo que era o agudizamento ou quizais o inicio do seu maior espolio e sufrimento. E nese marco está o levantamento que hai, que houbo en Chiapas, de xeito que hai unha situación irreversible que é a toma de conciencia do indíxena de ser suxeito da súa propia historia, de que hai unha orde social ou unha cultura occidental dominadora e xeralizadora, de que eles teñen o dereito de manifestar e vivir a súa propia situación cultural. Mais por outro lado houbo conclusións nunha das seis mesas que debían levarse a cabo para o diálogo entre o goberno e o levantamento zapatista: o goberno, lamentabelmente, non cumpriu coa promesa de aceptar o que asinara nos acordos chamados de San Andrés. Despois de varios anos de esperar unha acción diferente, os indíxenas comezaron a cumprir unilateralmente aqueles acordos e levaron a cabo o que chaman Xuntas de Bo Goberno e Caracois, que son xente da base das comunidades, elixidas, que mudan cada 15 días e que toman o mando da comunidade impartindo a xustiza. Isto tivo, evidentemente, unha repercusión grande e non só en Chiapas senón que nos estados de Oaxaca e de Guerrero estiveron levándose a cabo estas accións.

Como foron os diálogos entre o EZLN e o goberno?

Na primeira etapa eu creo que había manifestamente unha vontade de cumprir os acordos, pero pronto houbo unha mobilización diferente de xeito que o goberno por unha parte estaba en diálogo e por outra preparaba e levaba a cabo agresións nas comunidades. Ese proceso interrompeuse nalgunhas ocasións e volveuse restablecer con algunhas condicións, mais finalmente púidose ver que había unha falta de vontade no diálogo por parte da representación oficial do goberno.

É posible un novo diálogo?

Mudaron moitas cousas. Para falar de novo diálogo terían que aplicarse e aceptarse os acordos de San Andrés sen unhas modificacións substanciais. Tería que darse unha situación nova porque houbo cambios sociais e políticos e entón ten que haber unha situación diferente para que se poida restituír ese diálogo.

Recibiu presións para renunciar como mediador entre o EZLN e o goberno?

Había presións sempre para o exército zapatista, para os membros da CONAI e para as persoas que estaban relacionadas ou non co EZLN, mais a verdadeira razón da renuncia foi a carencia de vontade para o diálogo.

Pode explicar un pouco que é a teoloxía da liberación?

Pois podo explicalo, pero hai 859 veces que me fan a pregunta e nunca a podo responder porque nunca é nin sobre teoloxía nin sobre liberación. Máis ben pregúntanme sobre o marxismo na teoloxía e entón o que teño que dicirlles é que é unha pregunta, sen ofender a ninguén, tipicamente europea, porque en América Latina non evanxelizamos coa teoloxía senón co evanxeo, e a teoloxía é a última parte, a última situación. Cando os bispos volvendo do concilio a América Latina fixeron unha xuntanza, estiveron de acordo en que dous dos puntos que o concilio tratara eran problemas tipicamente europeos: primeiro, falar de Deus á xente que non cre en Deus; segundo, de que xeito os cristiáns deben de estar unidos para que haxa un testemuño verdadeiro ante os non cristiáns. Un terceiro punto luminoso como o levou o Papa Xoán XXIII era o seguinte: que a igrexa relacionada cos pobos en vías de desenvolvemento descobre o que é e o que debe ser; a igrexa dos pobres, é dicir, a igrexa de todos. E nesa sinxela interpelación o concilio entrou, mais non houbo a posibilidade de afondar nese problema por unha situación moi concreta: nese momento en Europa non había pobres; hainos agora, pero nese momento non. E xa que logo, non había unha acción pastoral no mundo da pobreza nin podía ir haber unha reflexión teolóxica dunha intención pastoral. Ao volver do concilio, na xuntanza de Medellín, os bispos descobren que eses dous puntos anteriores eran tipicamente europeos, pero que o mundo da pobreza era o tipicamente latinoamericano, e que entón o reto era como falar de Deus a aqueles que están esmagados, na situación social, aqueles que están no nivel máis baixo da sociedade. Así descobren que a pobreza non é un resultado voluntario, senón froito dun sistema de dominación onde hai estruturas inxustas de espolio. Por tanto, o primeiro que hai que facer é optar polo pobre. Se eu saíndo á porta da miña casa vexo que alguén está a maltratar un pequeno non me poño a pensar en que tipo de teoloxía lle vou falar, senón que me poño no medio para evitar que haxa unha catástrofe, póñome a investigar que aconteceu, de que xeito se comportou aquel neno, por que o adulto está a actuar así. Unha vez estudada a situación tiramos unha conclusión e iso sería a teoloxía ou sexa é o resultado dunha opción polo pobre que é o que a nós nos interesa máis e inmediatamente. En América Latina é máis importante a liberación que a teoloxía. A teoloxía é o ultimo momento, é o punto de chegada. Se hai unha resposta positiva dicindo que hai un Deus é que ese Deus dos pobres é o que precisamente nos dixo que está representado el dun xeito específico no pobre, e que a pregunta última e decisiva para todos é que fixemos co pobre, e que a opción entón non é unha opción secundaria senón que é opción constitutiva da igrexa. Esa é a posición que hai en América Latina.

Que relación tivo vostede co EZLN?

Pois a de mediación, atopabÁmonos só os días de diálogo. Era un movemento coma outros varios existentes na diocese e eu coñecía a súa existencia, pero non había unha relación directa, como non hai unha relación directa de parte da igrexa con todos os movementos sociais ou cos partidos ou movementos políticos, senón que se ten coñecemento e hai unha relación coa xente que está involucrada neles para unha iluminación desde o acto da fe.

Tivo algún tipo de ameazas ou represalias por parte dos terratenentes ou do PRI?

Ben, si, diso xa pasou tempo, fíxose comunicación ás autoridades e houbo despois unha protección.

E presións dentro da Igrexa?

Tamén, evidentemente, mais non presións como se dixo, senón resultado de informacións da autoridade, porque interpretaron, por exemplo, que a maduración das comunidades coa presenza de catequistas ou de diáconos xa
non eran manexables politicamente e entón realizaron acusacións como que na diocese se estaba a facer unha formación especificamente política e de adestramentos. Evidentemente, esa acusación non a fixo nin a conferencia episcopal, nin a nunciatura apostólica nin ningún cardeal primado ou outro dos existentes senón que foi o goberno.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

2 Responses to Entrevista ao Tatik Samuel Ruiz

  1. Chango di:

    Case unha ducia de anos!!! Sabedes contar?

    • irimegos di:

      Perdón pola metedura de pata, foille cousa das présas. Había que facer unha corrección noutro texto e corrixín antes de colgalo, pero o artigo que non era! 😦
      Na revista en papel, afortunadamente, non houbo o mesmo erro.
      Graciñas por avisar.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s