Demoucar


Comezamos a coñecer o plan de recorte de gastos propostos polos executivos autonómicos. O que publicitariamente se presentou como plans de “austeridade” das contas públicas, inclúen medidas que afectan a calidade dos tres grandes piares do estado de benestar: a sanidade,  a educación e os servizos sociais. Unhas medidas que tentan responder á presión dos mercados financeiros internacionais e que amosan a ideoloxía neoliberal e desreguladora dos gobernos xurdidos tras o 22 M. Con todo, o recorte estrela, o máis mediático, foi a supresión de  liberados sindicais institucionais. Os sindicatos convértense, deste xeito, nun dano colateral ou chibo expiatorio da crise económica. E ninguén, agás os propios interesados, parece chorar pola súa sorte. Sofren unha crise de representatividade. As enquisas do CIS falan dun empeoramento da percepción das organizacións sindicais: moitos traballadores -e que se podería dicir dos desempregados!-  non senten os seus intereses representados por unhas subvencionadas estruturas sindicais.

Nun momento no que a palabra crise parece xustificalo todo, no que os que provocaron a maior crise económica dende a Segunda Guerra Mundial se presentan como únicos garantes da recuperación, onde o modelo social europeo e os dereitos laborais están en perigo de desaparición, é máis necesario ca nunca un contrapeso dos traballadores para facer fronte aos retos do presente e do futuro. Esta crise pode e deber ser unha oportunidade para unha transformación sindical. Unha oportunidade que cómpre non desaproveitar. Recuperar o termo “militancia”, desvincularse do poder, atinxir unha autonomía e independencia económica. Cómpre, en fin, apostar por unhas organizacións sindicais mantidas principalmente polas cotas dos seus afiliados, que defendan unha calidade e eficiencia do servizo público –tamén unha calidade do servidor público e dos correspondentes procesos de selección-, que desenmascaren a penetración do mercado e do capital e dos seus anti-valores na nosa vida de cada día, que poñan aos traballadores e traballadoras máis vulnerables –parados incluídos- no centro das súas preocupacións. É tempo de demoucar. Para rebrotar.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s