Mágoa de educación!


Está o sistema educativo outra vez en cuestión, e unha vez máis tememos que o que se aprecia e reflicte de cara afora non é nin de lonxe o verdadeiro problema. 

Esperanza Aguirre e a súa ringleira de discípulos –que son máis dos que parece, comezando polo conselleiro galego de Educación-,  non saben o que din, nin o mal que fan, cando insinúan que os profesores, polo feito de impartir dezaoito ou vinte horas, “traballan menos ca un funcionario de tal concello ou tal administración”. Esperanza nunca debeu dar clase. E se impartiu clase non foi a determinado nivel (é o mesmo primaria cá terceiro da ESO ou bacharelato?), ou con determinados grupo de alumnado resabido, lercho e desmotivado (nada escaso precisamente); ou en cinco grupos distintos  de tres niveis e materias diferentes.

Unha hora lectiva ben impartida implica programación, innovación, estudo, avaliación posterior. Unha hora ben impartida cansa máis ca tres horas de presenza e traballo reiterativo na administración xeral.

Eses comentarios van en detrimento da imaxe do profesor e non axudan nada a encarreirar o problema, moito menos a resolvelo. De pouco vale despois andar con decretos que declaran aos profesores autoridade pública, cando se traslada a idea de que non merecen ese respecto. De políticos, a medios, de medios a pais, de pais a alumnos. A mensaxe sempre cala.

A cuestión é o matiz. Falamos dunha hora “ben impartida” de clase: ben preparada, ben coordinada no correspondente departamento, ben programada tendo en conta a duración do curso e os obxectivos, e ben avaliada. A cuestión é a caída tremenda na calidade e na motivación. A cuestión é que só se utiliza o criterio económico e non se verifica se esas dezoito ou vinte horas son actos educativos que reúnan un estándar de calidade mínimo e común en toda Galicia. A cuestión é que unha boa parte do profesorado programa pouco, non se coordina en serio, ten unha presenza horaria no centro reducida ao mínimo imprescindible e hai tempo que tirou a toalla en canto ao logro de obxectivos de aprendizaxe concretos, avaliables, comparables e imprescindibles para progresar academicamente. A mentalidade do “sistema choio” e do evitarse problemas e defenderse do exterior por anticipado, non é inspeccionada, porque a inspección participa dela: con asegurarse de que as programacións son impecables a nivel legal e non deixan cabos soltos de cara a unha posible denuncia por parte dos pais-cada vez máis frecuentes-, teñen abondo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s