Como ves, como soñas, a Igrexa católica española?


Mesa de redacción

Unha xanela para a Igrexa

Con ocasión da XMM 2011 e a vinda do Papa a Madrid en agosto do presente ano, Redes Cristiás abre espazo na rede, unha xanela co propósito de achegaren a imaxe que os propios católicos e católicas teñen da Igrexa en España.

Redes Cristiás, que agrupa 147 colectivos, movementos e comunidades de base do Estado, entre os que se atopan a asociación Irimia e a Coordinadora de Crentes Galegos, pretende con esta iniciativa non só dar a coñecer publicamente como entre as católicas e católicos se está a percibir dende dentro da institución -á que voluntariamente seguen a pertencer- a imaxe da Igrexa, senón tamén como desexarían que fose e que posibilidades atopan de que se poidan cumprir os seus soños.

Para este fin Redes Cristiás abriu unha páxina web, http://www.asinovengas.es/voces, onde están a recoller coidadosamente respostas-mostra desde os diferentes ámbitos, lugares e situacións onde se atopan as cristiás e cristiáns de hoxe no noso Estado, por exemplo, entre os mozos, as mulleres, as parellas, os intelectuais, os obreiros e artistas, os curas, relixiosas e relixiosos, os teólogos e teólogas, etc. Con elas pretende ofrecer unha visión alternativa á Xornada Mundial da Mocidade (XMM) e á visita de Bieito XVI a Madrid.

O método empregado é moi simple. A todos os que participaron fixéronlles as mesmas dúas preguntas, ofrecéndolles a mesma extensión para as súas respostas. Dúas preguntas concretas:

1ª Identifícaste (estás a gusto) coas posturas que está a tomar actualmente a igrexa xerárquica española (cara a dentro e cara a fóra de si mesma) ou, pola contra, tes dificultades? De ser isto último, por que?

2ª Como cres que podería ser e como gustarías que de feito for a Igrexa en España?

A intención de Redes Cristiás é pór de relevo a situación que está a vivir na actualidade a Igrexa católica en España, intentado que os testemuños das cristiás e cristiáns que recollen estas voces contribúan a achegar un pouco máis a nosa Igrexa ao estilo e práctica de Xesús de Nazaré. Deste xeito, cada día achegan un novo testemuño á páxina web para todos quen estean interesados poidan acceder a el.

Voces para unha alternativa na Igrexa

Pepa Torres Pérez. Relixiosa, teóloga, implicada nos movementos sociais.

1ª Identifícaste coas posturas que está a tomar actualmente a Igrexa xerárquica española?

A verdade é que non. Síntoa anacrónica e máis preocupada polo mantemento dos seus propios intereses que polos intereses das persoas máis empobrecidas e dos buscadores e buscadoras na nosa sociedade. Creo que atravesamos social e politicamente momentos moi duros e a postura da Igrexa reforza as posicións máis conservadoras, así como os intereses do gran capital. A montaxe da XMM paréceme un bo reflexo diso.

O seu afastamento dos problemas máis cotiáns da vida das xentes dos barrios e os colectivos máis excluídos prodúceme unha indignación moi grande á vez que unha gran dor. Moitos dos que vivimos nestes ambientes sentímonos cada vez mais orfos de Igrexa e reivindicamos con humildade e tamén con teimosía unha volta ao movemento de Xesús e á utopía do Reino. Como muller síntome fortemente discriminada e excluída nunha Igrexa que nega o noso recoñecemento e capacitación para o exercicio da plena ministerialidade e empéñase en reducirnos a posicións de subordinación.

Afástame dela a súa dureza de corazón ante os sufrimentos das mulleres e a súa negativa a recoñecer os movementos de liberación das mulleres como interlocutores válidos no diálogo ante realidades urxentes nos que se xoga a vida e a saúde das mulleres.

Afástame dela a intransixencia e e incapacidade de diálogo coa ciencia e a cultura e a falta de respecto á liberdade de conciencia das persoas; tamén a súa actitude sospeitosa e condenatoria das teoloxías que subliñan as consecuencias da encarnación hoxe no noso mundo .

Afástanme dela as súas liturxias, que encerraron o misterio de solidariedade en preceptos e normas que impiden de feito que a Igrexa sexa un espazo celebrativo, un encontro, un espazo de reconciliación e compromiso coa xustiza, que anticipa o Reino.

Joaquín García Roca. Sociólogo e teólogo, profesor na Universidade Pública

2ª Como cres que podería ser e como che gustaría que de feito fose a Igrexa en España?

Gustaríame que a Igrexa en España trouxese “esa débil forza mesiánica” do anano chepudo que tanto estrañou Walter Benjamin, en lugar de practicar a arrogancia e a autosuficiencia; que fose capaz de espertar a bondade de todo ser humano, como fai o sandador ferido en proximidade da súa xente.

Gustaríame unha Igrexa centrada nos pobres, de carne e óso, centrada naqueles que deixaron de esperar a causa do poder destrutivo do capitalismo salvaxe.

Creo nunha Igrexa que se afasta de entusiasmos espirituais e afirmacións carismáticas, como desexaba Paulo en 1 Cor, 12 e que volve ao seguimento de Xesús, quen ficou conmovido polos xemidos de que sofren e polas loitas históricas a favor de quen están peor situados.

Unha Igrexa sinodal, que non pode respirar cun só pulmón, senón que incorpora as voces de todos os pobos, os carismas de dentro e de fóra; da hora primeira e da terceira; dos xestores e dos disidentes. Gustaríame que deste xeito camiñase como Pobo de Deus cunha xerarquía que escoita e uns fieis que falan, en colaboración activa, razón compartida e solidariedade compasiva, Igrexa cordial, con suxeitos que aman e senten, caen e se erguen, cantan e choran, lonxe dos invernadoiros de afectos.

Sinto que a renovación evanxélica da Igrexa virá pola irrupción dos pobres nas nosas vidas: eles hannos levar, a nivel colectivo e persoal, ao seguimento de Xesús. A centralidade dos pobres e dos perdedores será o único que abrirá avenidas cara ao Deus compasivo que traballa e acampa nos excluídos e perdedores. Cando se recoñezan como suxeitos eclesiais e atopen na Igrexa un espazo para articular a súa vida, as súas loitas e as súas resistencias, amencerá un novo Pentecoste, que non sei se nos levará ao Vaticano III pero de seguro que apunta cara ao Evanxeo de Xesús.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s