Pereiro por Pereiro


Aldegunde Quiñones
Xosé Manuel Pereiro achéganos á figura do seu irmán Lois

Cre Xosé Manuel Pereiro que o Día das Letras é unha celebración rara, porque parece propia dunha cultura normalizada: “en ningún outro lugar hai tal fervor popular, que abrangue dende a carreira de sacos dunha asociación de veciños ata o supermercado que che mete os produtos nunha bolsa cun poema do autor homenaxeado”. Colaborador en varios medios xornalísticos e decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, deixa ver nos seus artigos calidades que el destaca no seu irmán Lois: intensidade, retranca, agudeza. Neste ano inzado para el de compromisos -di que exerce de “viúva” do poeta- tivo a amabilidade de achegarnos á vida e á obra de Lois Pereiro.

Sorprendeuno a decisión da RAG ao elixir o seu irmán para o Día das Letras deste ano?

Foi unha decisión valente, porque supón dedicarlle o Día das Letras a alguén que estaba fóra do sistema literario. Non é a elección dun esforzado home que pelexou pola cultura galega, senón a dun rapaz que malia as ansias que tiña de coñecer a cultura de todo o mundo e estar na vangarda das tendencias artísticas, escolleu o galego por vontade propia cando tiña 16 anos e lle dixo á moza “nunca vou escribir en castelán, vou escribir un libro coma Manuel Antonio e morrer novo”. Consideraba que era o que tiña que facer e nos outros 20 anos que viviu sempre o tivo moi claro e non lle importou que o considerasen ou non. Non traballou unha carreria literaria agás na mesa, escribindo. E a min é a algo que me enche de orgullo, porque grazas a esta celebración Lois Pereiro vai pasar de ser un autor de culto a ser un autor moi popular.

Vai cambiar moito a figura de Lois con esta dedicatoria?

O Día das Letras supón un pulo moi grande para un escritor pero ademais Lois vai ser un autor moi agradecido para a xente nova. Os primeiros poemas que escribiu, con 16 ou 17 anos, editados e perfectamente válidos, eran para as compañeiras de instituto, non sei se como forma de ligar, e creo que son fáciles de interiorizar. Os poemas de Lois, a pesar de ser moi duros e moi intensos chegan moito á xente.

De onde lle viña esa predilección pola cultura centroeuropea?

Creo que polo clima de Monforte: esa estética do frío, a néboa, as árbores sen follas, o ferrocarril… Agora hai que despexar a cultura coma se te bombardeasen con pelotas e escoller; daquela había que ila buscar, e o que se procura con esforzo sempre ten máis valor que o que che dan. Xa dende rapaces os dous odiabamos o verán, gustábanos o outono e o inverno… De moi novo tivo claro que quería ser poeta e devoraba películas. Cando estivo estudando en Madrid botaba o día na filmoteca, chegou a ver ata catro ou cinco películas nun día. Era unha ansia pola vangarda que tamén estimulabamos un no outro e que tamén compartían os seus compañeiros de xeración, aínda que non sabes por que che dá por aí.

Como crearon en Madrid, con outro grupo de galegos, a revista Loia?

Daquela o que ofrecían as canles de cultura habituais non valía para nada -na radio poñían Karina e cousas polo estilo- e atoparte con persoas con inquedanzas como Manolo Rivas, Antón Patiño, Menchu Lamas, Fermín Bouza, Reimundo Patiño era como atopar as almas xemelgas. Lois foi o primeiro que tivo un disco de Joy División en Monforte, e os seus amigos escoitaban a David Bowie ou a Velvet Underground cando eses discos non estaban nas tendas e os traía alguén que ía ao Reino Unido ou a Madrid. Era nesa época cando el recitaba a Baudelaire en francés para impresionar as rapazas.

Lois era un autor moi perfeccionista, non si?

Tanto que ata lles pedía ás súas compañeiras de instituto os poemas que lles fixera para poder corrixilos. Era unha persoa moi curiosa, moi ordenada e moi perfeccionista. Comenta o editor que se por el fose seguiría pulindo continuamente. De feito, deixou inacabada unha novela por estar continuamente refacendo o texto: sempre tiña esa ansia de perfección. Tiña unha conciencia clara de que era poeta, aínda que penso que se non tivese ese perfeccionismo sería un excelente prosista e un excelente memorialista, porque era moi incisivo e moi agudo nas observacións.

Hai que di que a militancia máis importante de Lois era a lingua.

A nós educáronnos en castelán pero o río do que viñamos (Santa Cristina do Viso, no Incio) era o galego. Para el foi unha opción natural que escolleu malia que no seu círculo de relación non eran galegofalantes. A pesar da etiqueta de poeta punk e de ser unha persoa de gustos artísticos radicais tiña unha vea de aristocracia rural. No mesmo sentido que Valle Inclán era carlista Lois era rural: na retranca, en observar e deslizar un comentario…

Sempre se di que Lois estaba á marxe dos círulos literarios, aínda que participou en proxectos colectivos coma De amor e desamor.

Lois prefería os labirintos da vida aos círculos literarios pero gustáballe o recoñecemento e estar con xente que falase de literatura e de arte. Coma a todo artista, gustaba da difusión da súa obra e, de feito, estaba moi orgulloso de gañar o premio de poesía O facho e nos últimos meses da súa vida levou unha decepción ao non gañar o premio da crítica do que era finalista.

Lois Pereiro por M. Vilariño.

Foi consciente do valor da súa obra?

El non era un poeta de fin de semana, era un poeta a tempo completo e coma todo artista a principal obriga era consigo mesmo. Si que foi moi consciente do valor da súa obra e deixou todos os seus papeis perfectamente ordenados. O que non tiña era as habilidades sociais para facer que a súa obra se editase. Gustáballe o recoñecemento pero nin sabía nin quería nin lle apetecía buscalo. Como lle pasa a todos os tímidos parecíalle que se non te recoñecen e case unha deshonra andar por aí facendo que te valoren.

Cales son as influencias e os temas máis sobranceiras da súa poesía?

Estaba moi influído polos simbolistas franceses, a estética a cabalo dos séculos XIX e XX (Baudelaire, Verlaine, Rimbaud, Alfred Jarry) e por poetas que comezaron a escribir nos anos 50 coma Thomas Bernhard ou Peter Handke. Era o que el chamaba a xeada estética centroeuropea, que lle recordaba a infancia en Monforte: o frío, a néboa, os traxes escuros, os sentimentos contidos. Na súa obra aparece o desastre, a ameaza, aínda que el tivo unha infancia moi feliz e creo que foi unha persoa feliz malia as enfermidades que padeceu.

One comment

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s