CONVERSA CON HENRIQUE MONTEAGUDO, profesor e inminente académico da lingua


Lupe Cendal

Henrique Monteagudo, profesor de Filoloxía Galega na USC, está a piques de ingresar na Real Academia Galega. Recentemente publicou o informe Por un proxecto de futuro para o idioma galego, unha reflexión estratéxica sobre o noso idioma. Ante o debate aberto por esta obra, en Irimia decidimos facerlle esta entrevista.


O labirinto da lingua– Unha das cuestións máis polémicas do informe parece que foi a introdución do concepto de “bilingüismo restitutivo” que levantou ampolas entre aqueles que consideran que o bilingüismo, co apelido que sexa, non é un concepto que se poida barallar dentro da sociolingüística galega para programar o futuro da nosa lingua. Despois de todo o que che argumentaron en contra, arrepínteste de telo empregado?

Eu non sei se ‘argumentar’ non será un termo demasiado xeneroso para algunhas críticas furibundas que se me dirixiron. O certo é que ese é un debate que tiñamos que ter superado, e se non o temos é por pura superstición ideolóxica dun sector moi concreto do nacionalismo, cun discurso absolutamente confuso e moi pouco fundamentado, que a final se resume nunha cousa: “na mobilización pola lingua mandamos nós”. A verdade é que estou moi contento de pór o debate sobre o bilingüismo enriba da mesa. É máis, puxen como condición para redactar ese Informe que entrásemos nese asunto abertamente. Xa sabía que ía levantar moita revoeira, pero hai tópicos que non se poden modificar doutro xeito que non sexa chamar as cousas polo seu nome. A noción de ‘bilingüismo restitutivo’ abrirase camiño pola propia forza da evidencia. Non teño dúbida ningunha sobre iso.


– Tampouco foi ben recibido desde o nacionalismo o aviso que enviabas de que cumpría deixar de denominar o castelán como lingua estranxeira en Galiza na actualidade, dada a súa xa enorme implantación. Ata hai pouco, cando falabamos da “lingua propia de Galicia”, mesmo da “nosa lingua” non había dúbida a que lingua nos referiamos. Agora si?


Non teño ningunha dúbida sobre o feito de que o galego é a lingua propia e orixinal de Galicia, e podemos denominalo ‘a nosa lingua’ por antonomasia. Outra cousa é deixar claro, por se hai dúbidas, que non distinguimos galegos de primeira e galegos de segunda, conforme falen ou non o galego. Galegos/as somos todos, e os castelanfalantes teñen que sentirse plenamente lexitimados e concidadáns nosos. Outra cousa é que lles fagamos ver e sentir a necesidade e a conveniencia de apoiaren o idioma galego, aprendéndoo e usándoo, ao menos en certos ámbitos públicos e profesionais. Sen dúbida, as leis, as normas e as políticas gobernamentais son fundamentais para a promoción do galego, pero non imos gañar a batalla social se non é mediante o convencemento (racional) e a sedución (emotiva) da maioría da poboación, incluíndo a castelanfalante. Para iso temos que lanzar mensaxes convincentes e construír unha imaxes atractivas: non queda máis remedio que enfrontarnos con todas as nosas forzas e intelixencia coas políticas perniciosas para o galego e cos grupos contrarios a el, pero non confundamos estes coa maioría dos castelanfalantes, porque nese caso estámolos colocando na nosa contra.

Henrique Monteagudo, á dereita, xunto a Antón Reixa, na presentación do informe. FOTO: Bruno R.
Henrique Monteagudo, á dereita, xunto a Antón Reixa, na presentación do informe. FOTO: Bruno R.

– No informe denuncias a existencia de elites económicas e políticas cunha actitude abertamente hostil contra o noso idioma. Partimos de que en Galicia non existen cidadáns xeneticamente incapacitados para empregar o galego. Daquela, que está pasando?

Eu coido que estamos asistindo a unha grande transformación das condicións de existencia social do galego, e tamén das ideoloxías lingüísticas. Sectores da elite social de Galicia non daban demasiada importancia ao galego porque non se consideraban moi atinxidos. Nun momento dado, sentiron ameazada a súa posición como elite dirixente, e doutra banda, comezan a sentir a ignorancia do galego como unha desvantaxe, cousa que ata agora non acontecía. Están dispostos a transixir co galego sempre que non sabelo careza de custo: así, poden ignoralo de balde. Pero se non sabelo ten algún custo, aínda que sexa mínimo (sentirse incómodos nunha situación, porque resulta que quedabas mellor falando galego), daquela rebélanse. Non nos decatamos, pero na medida en que saber o galego ten algún valor (e foino gañando) os bilingües temos unha avantaxe que eles non teñen. Nin están dispostos a aprender e usar o galego, idioma que desprezan, nin tampouco queren que sabelo supoña ningún tipo de avantaxe. De aí tamén a reacción que están levantando na España monolingüe: amólalles que nós saibamos a súa lingua, e ademais a nosa. Non queren que teñamos ningunha avantaxe por iso. Pero precisamente esa avantaxe é o principal incentivo para aprender a nosa lingua, e é fundamental para o seu futuro que o seu coñecemento e uso sexa obrigado para certas funcións sociais, exactamente igual ca o que pasa co castelán. Por outra banda, a maneira de obter esa avantaxe é moi sinxela: aprender e usar a lingua. Simplemente, hai que estar disposto e facer o esforzo.


– Tras case 30 anos de “normalización” do galego, lánzanse mensaxes como a de que o galego non serve para as matemáticas ou para a tecnoloxía. No informe suxírese unha mudanza nas estratexias “normalizadoras” empezando por relativizar o obxectivo do monolingüismo social. Houbo moitas voces en contra, cres aínda que hai posibilidades de mudar esa estratexia?


En realidade, esa estratexia xa está abandonada. Non hai máis que lembrar a resposta que demos á campaña contra o galego, que xirou arredor da reivindicación da ‘convivencia lingüística’. Que significa iso se non é un abandono do horizonte monolingüista? O que acontece é que en certos sectores hai tendencia a adoptar acomodos tácticos, pero sen repensar e reformular o fondo das cousas (ás veces por pura incapacidade, ás veces por falla de valentía ou de lucidez). E eses amaños valen para ir tirando un tempo, pero chega un momento en que se non constrúes un proxecto e un discurso coherentes, cometes erros evitables (a campaña de denuncias ao profesorado que incumpría o decreto, por exemplo: desde cando unha organización cívica ten que exercer a inspección?), caes en contradicións (defender a convivencia e atacar o bilingüismo) e veste encerellado nas trapelas que che tenden. Foi así como nos envolveron coa ‘imposición do galego’ e a ‘liberdade de lingua’.

Aclarémonos: que queremos unha Galicia bilingüe, en que toda a poboación saiba manexarse nas dúas linguas, e poida facelo con comodidade; ou ben dúas Galicias monolingües, unha en castelán e outra en galego (a segunda inviable, pois materialmente non é posible ignorar o castelán)?


– Do informe despréndese unha fonda preocupación pola situación actual e futura do galego, pero, con todo, respírase optimismo. Séguelo mantendo despois de que, a xente que tamén comparte esa preocupación polo futuro do galego, “se botase a ti coma o galo ao millo”?


Eu xa vivín momentos moito peores para a lingua, e debates moito máis duros. Quedo abraiado cando oio dicir a persoas de menos de trinta anos que o galego está no peor momento da súa historia. A min xa me expulsaron dun centro educativo, no ano 1975, por montar unha mesa para vender libros en galego o día das letras galegas. E para polémicas, as campañas de certo sector do reintegracionismo nos anos 80, inzadas de ataques persoais absolutamente brutais. Eu creo que o galego ten futuro porque teño confianza neste país (unha confianza razoable, non ilimitada). Conseguimos moitas cousas nestas décadas, e ás veces con tanta campaña negativa, non somos quen de velo e aprecialo, o que melloraría sensiblemente a nosa autoestima.


– Para rematar, poderías resumirnos cales serían as estratexias fundamentais para reverter a situación actual do galego?

Agora mesmo, eu penso que o fundamental é pór en marcha unha nova ‘revolución cultural’ como a que ao longo da década dos ’70 conseguiu revitalizar o idioma galego (que se atopaba nunha deriva desastrosa) e situalo no centro das preocupacións dos sectores máis innovadores da nosa sociedade, e a partir de aí obter un grande impacto social. Sempre digo que na competencia entre as linguas, leva as de gañar sempre a que se asocia á innovación social. O fundamental é abrirse paso na mocidade, e abrirlle paso a esta. O noso país está avellentando a pasos axigantados, e o nacionalismo está arriscándose a quedar como un dos sectores máis conservadores e inmobilistas: o repregamento condúcenos directamente á irrelevancia e a marxinalidade.

E como poñemos en marcha esa “revolución cultural”?

Temos que reconstruír un amplo consenso básico a prol dun galeguismo fundamental, que atravese transversalmente a sociedade. Foi unha traxedia que nun momento dado o nacionalismo se divorciase do galeguismo, e o peor é que está a piques de volver facelo. Para min, non hai nada máis urxente que construír un novo proxecto (de lingua e de país) e articular un novo discurso. Sen esquecer, claro está, que temos que dar a batalla diaria para defender o galego das constantes agresións das forzas centralistas, na política, nos medios de comunicación, na cultura, etc. coa complicidade máis ou menos aberta e máis ou menos activa nada menos que da Xunta de Galicia (comezando polo seu Presidente), a dirección do Partido Popular e outros importantes sectores. E hoxe por hoxe, o campo de batalla crucial é o ensino.

 

One comment

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s