Entrevista con Manolo Sordo (Parroquia Cristo da Victoria)


A punto de cumprir 40 anos dende que os dominicos e dominicas chegaron ao barrio de Coia, achegámonos á parroquia para conversar con Manolo Sordo, irimego, sobre o pasado, o presente e o futuro desta comunidade parroquial.

Como foron os comezos?

MS: Pola invitación dos bispos galegos a cambiar as misións populares que facían os dominicos en Galicia por pastoral parroquial nos grandes núcleos urbanos que se estaban a constituír nalgunhas cidades, como Vigo. Así, chegamos a Coia, barrio dormitorio de Vigo naqueles tempos, os dominicos e as dominicas.

Como foron os primeiros pasos nesta misión?

MS: Foron de resposta ás necesidades do barrio: escolas públicas, centro de saúde, zonas verdes, transporte público, organización comunitaria no eido veciñal, cultural e social (xuvenil, da muller, …) sen deixar de lado os aspectos propios da pastoral de calquera parroquia (liturxia, catequese). Pero iso si, sempre dende as novas liñas marcadas polo Concilio Vaticano II. Nun principio en locais prestados, pois non había dependencias parroquiais.
Estes comezos foron moi importantes porque marcaron o estilo de traballo na parroquia.

E Irimia que tivo que ver neste proceso?

MS: Tivo moita importancia porque marcou outro aspecto fundamental na vida da comunidade parroquial, pois engadiu, ao compromiso da fe co pobo, o compromiso coa galeguidade. Dende a primeira Romaxe do Pedregal de Irimia e o primeiro Cruceiro, a parroquia estivo presente en Irimia. A pastoral adoptou un estilo marcado por estes vencellos.

Non faltou a comunidade a ningunha Romaxe?

MS: Vén estando presente en todas elas, ademais de participar activamente na organización dalgunhas delas: a celebrada no monte Aloia no ano 83 (“O Miño non separa”) e a celebrada en Camposancos no ano 2002 (“Rumores de boa nova”). Os do Cristo da Victoria sempre fletamos cando menos un autobús para achegarnos a todas as celebradas até o de agora.

Algún feito salientable neste período?

MS: Coa inaguración do Complexo parroquial notouse unha potenciación e desenvolvemento de todas as actividades. Pois ademais de parroquia converteuse no centro cultural e social do barrio (aínda nestes días estamos a agardar pola construción dun centro cultural ou cívico no barrio).

Tamén marcou un notable desenvolvemento da parroquia como comunidade de comunidades, xa que comezaron a formarse comunidades cristiás populares de xoves e adultos cun notable compromiso no eido pastoral, social e cultural.
Foron tempos difíciles porque o barrio estaba moi politizado e os partidos políticos non eran moi partidarios desta evolución.

E hai algún outro feito que queiras destacar até hoxe en día?

MS: Un dos maiores logros foi conseguir converter a Coia nun barrio habitable a través das loitas populares. Xa nos 90 tiña dotacións educativas suficientes, centro de saúde, transporte público e sobre todo unha gran zona verde, o parque da Bouza, rescatada das gadoupas da voracidade inmobiliaria, que é o pulmón e centro de encontro e lecer do barrio.

Outro feito salientable foi a implicación activa da comunidade parroquial no desenvolvemento do Sínodo diocesano celebrado entre os anos 2002 e 2006, marcando unha liña de fidelidade ao Concilio Vaticano e aos documentos posteriores dos bispos e tamén á teoloxía da liberación e do recibido de Irimia no compromiso coa galeguidade na fe.
Isto tamén foi causa dalgúns disgustos, pola oposición dos movementos máis conservadores da diocese. Aínda que supuxo unha oportunidade para presentar outra visión da Igrexa que tamén existe e é posible, e que tivo como resultado o achegamento á comunidade parroquial doutras persoas que descubriron un xeito diferente de estar na Igrexa.

Como foi posible acadar todo isto?

MS: Grazas a moitas persoas que foron pasando pola nosa comunidade parroquial e enriquecéndonos coas súas achegas e testemuñas en varios momentos: co gallo da celebración das charlas de Advento e de Coresma e nos congresos do Colectivo Verapaz. No eido galego cabe salientar Manolo Regal, Pepe Chao, Torres Queiruga, entre outros, e no eido da teoloxía da liberación Gustavo Gutiérrez, Ivonne Guevara, Frei Betto, José Mª Vigil tamén estiveron acompañándonos. José Antonio Pagola foi o último en visitarnos.

Nestes intres como está a organizarse a comunidade parroquial?

MS: Máis importante que persoas en concreto, é o feito da participación comunitaria, xa que as decisións na nosa comunidade son tomadas de xeito asembleario (asemblea parroquial, consello de comunidade “con capacidade de decisión” e diversas comisións e ministerios: catequese, enfermos, acción social, movemento veciñal e liturxia). Polo tanto non hai un liderado concreto, se non que a forza da nosa parroquia reside na comunidade de comunidades.

Que retos se presentan cara ao futuro?

MS: O noso compromiso é seguir a desenvolver e reforzar esta liña evanxélica e comunitaria: o mellor coñecemento do evanxeo de Xesús e a conciencia clara de que os ministerios no futuro non van ser clericais se non laicais.
Esperamos que en poucos anos un home ou unha muller da comunidade perdan o medo e poidan presidir unha eucaristía e mesmo o consello da comunidade e a asemblea parroquial.

Que dificultades ves neste camiño?

MS: As dificultades que estamos a observar son o achegamento das xeracións novas. Nun momento a comunidade supuxo para eles un lugar onde encher as súas necesidades de socialización e tempo libre, cousas que agora atopan tamén por outros camiños. Temos por diante o reto de facerlles chegar o evanxeo de Xesús, conectando cos seus desexos máis profundos.

Afirmamos que formamos parte clara da Igrexa como institución, da que non queremos desvencellarnos, que formamos parte da espiritualidade dos dominicos e ao mesmo tempo somos igrexa popular, de base e galega e participamos en todas as redes eclesiais de Galicia, representadas por Irimia e a Coordinadora de Crentes Galegos e fóra de Galicia, a través de Redes Cristianas.

Advertisements

One comment

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s