15 anos da Cova da Terra. Conversa con Clara Raposo


Valentín Arias

Falar en Lugo de Comercio Xusto é falar da Cova da Terra, unha organización formada por voluntarios con moita entrega e dedicación que cumpren 15 anos loitando por transmitir uns valores de consumo ecolóxico e de apoio ao terceiro mundo que merecen toda a nosa consideración. Falamos con Clara Raposo Gonzalez, unha das responsables da Cova da Terra, unha muller que reflicte vitalidade, simpatía e forza. Pontevedresa ela, pero luguesa de adopción dende hai moitos anos, leva no mundo do asociacionismo 17 anos. Cre que a sociedade pode cambiar e mellorar e agradece a xente que se atopou no seu camiño o seu crecemento como persoa e cidadá.

Como naceu a idea de formar A Cova da Terra?

Corría o ano 1993 e en Lugo estabamos en plena campaña da plataforma 0,7%: acampadas, folgas de fame e sobre todo… moitas reunións interminables para debater se a cooperación ao desenvolvemento era unha solución á problemática da fame. Destes debates xurdiu a necesidade de atacar o problema por varios flancos: a cooperación, as finanzas (banca ética) e o mercado (un comercio máis xusto). Como xa daquela había xente en Santiago interesada no comercio xusto, xuntámonos con eles e empezamos unha formación intensiva. Como en Lugo eramos todos xente de acción non podía quedar soamente en falar así que o final lóxico desta historia foi abrir un punto de venda (o primeiro en Galicia) en 1995 para poder ter acceso a produtos de comercio xusto.

Que atrancos máis importantes tivestes no inicio?

Ao principio estabamos moi perdidas, pero solucionouse cun grupo moi forte e ben estruturado. Ademais contabamos coa xente de Santiago que daquela tamén estaban no mesmo proceso que nós e de feito logo eles fundaron a Asociación Panxea. Aínda así houbo que adicarlle moito tempo á nosa formación, a dar charlas para dar a coñecer o proxecto, poñer postos en feiras, etc.

Outro dos atrancos foi non ter moita experiencia no mundo comercial, xa que viñamos case todos do mundo da cooperación. A isto uníronse os problemas xurídicos, xa que daquela a Lei de asociacións non contemplaba ingresos por vendas e ninguén sabía como tiñamos que facer para declarar esas vendas.

Tampouco non axudaba o descoñecemento do concepto do comercio xusto por parte da xente, ao que se unía as propias eivas do funcionamento do comerico xusto no comercial e as limitacións das importadoras, que estaban a iniciar a súa andaina.

Cales son as vosas principais actividades na actualidade?

Como asociación temos un programa educativo e o centro de documentación Kandaharia, onde se engloban unha morea de actividades, dende obradoiros en centros de ensino e colectivos, até xornadas de economía alternativa, etc. Mantemos un traballo en rede con múltiples colectivos. Por exemplo, neste momento estamos implicados con outras organizacións nun proxecto moi interesante de soberanía alimentaria e feminismo e tamén outro tentando levar todos estes tema ao rural galego.

Como percibides a resposta do pobo de Lugo?

Despois de 15 anos de traballo, notamos que en Lugo xa se coñece o que é o comercio xusto, a agricultura ecolóxica e outros conceptos máis novidosos que estamos dando a coñecer como decrecemento, soberanía alimentaria, etc. Aumentou o consumo de produtos da liña social e ecolóxica, e aínda que a crise tamén se note, penso que quen se sensibilizou sobre estes temas vai reducir máis o consumo no convencional que no en produtos ecosociais. Aínda así a crise veu darnos a razón de que o modelo de consumo que imperaba era irreal e insostible, polo que esperamos que se instale un consumo máis baseado no sentido común.

Como responden os Organismos públicos para axudarvos?

O comercio xusto entra dentro das liñas de axuda á cooperación. Aínda que nun principio isto non acontecía así, o traballo das organizacións de CX fixo que pouco a pouco se lle dese cabida a este novo tipo de cooperación. Mais en Galicia, que xa tiña unha das axudas á cooperación máis baixas do Estado español, neste último orzamento aínda recuamos máis, ao se recortaren as axudas, afastándonos máis do pretendido 0,7% resulta que o que se fixo foi reducir esta partida orzamentaria. Mais as outras administracións, máis próximas, coñecen o noso traballo de primeira man e apóiannos bastante.

Que actitude ten o comercio tradicional convosco?

A relación é boa xa que non hai idea de confrontación co pequeno comercio. Aínda máis, nós defendemos e apoiamos as pequenas iniciativas locais que é un tipo de economía máis amable co contorno, xa que os beneficios quedan onde se producen os ingresos e tenden a repercutir en toda a poboación.

Algúns pequenos empresarios interesáronse pola proposta do comercio xusto e ecolóxico, coa idea de axudar ou dar cobertura a unha filosofía que compartían, non como fan as grandes superficies, que só incorporan o tema ecosocial para cubrir nichos de mercado e vender unha falsa imaxe solidaria e ecolóxica.

Hai moita diferenza de prezo entre os vosos produtos e os convencionais?

O primeiro que habería que definir é cal é o prezo real dun produto. Estamos nun sistema capitalista onde quen marca o valor das cousas non é o produtor senón o mercado en función da demanda, da oferta, da moda, da marca, da publicidade. Ben se coñece a denuncia dos produtores e consumidores sobre a gran diferenza entre o prezo que se lles paga a uns e o que se lles cobra a outros.

Nós baseámonos noutros valores á hora de marcar o prezo: custo de produción, salarios dignos, pagamento ao produtor por manter unhas condicións sociais e ambientais na produción, ao que hai que engadir os custos de transporte, os gastos da distribución e venda, respectando pagar salarios dignos e xustos a todos os traballadores da cadea. O que non se pretende é facer especulación.

Como podería axudar a poboación ao comercio xusto?

Hai moitas frontes abertas nas que loitar por mudar o mundo, mais cómpre unha loita comunitaria, non só individual, para podermos asegurar ese cambio. Nisto é fundamental o consumo, unha das actividades que máis facemos durante o día, a través da cal podemos apoiar iniciativas económicas de carácter social e ecolóxico. Temos que facer viable este cambio, para iso cómpren organizacións que loiten por un comercio máis xusto coas persoas e a natureza aquí e alén dos mares.

Cales son os vosos retos máis inmediatos?

O Nadal, a época de maior consumo, é unha época fundamental para amosar o concepto de consumo polo que nós traballamos. Temos un interese especial en traballar cos cativos, as grandes vítimas das campañas publicitarias, ás que van ir dirixidas unhas xornadas de consumo responsable. Por outra banda temos xa próximo o noso 15º aniversario, que imos aproveitar para celebralo facendo unha retrospectiva do movemento asociacionista en Lugo neste tempo.

O comercio xusto está a medrar. Xa contamos cunha rede galega de consumo consciente con máis de 10 grupos que venden en distintas partes de Galicia. Ademais, algúns deles xa teñen venda electrónica coma nós que puxemos andar xa fai tempo a cibertenda (www. cibertenda.covadaterra.org).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s