Imaxina un país normal


Daniel López

Cada un dos moradores desta Vicerrepública do Grelo Zeibe (VrGZ) temos un imaxinario persoal  sobre o idioma galego. Imaxes, experiencias, prexuízos. Tamén son expectativas, valoracións, frases feitas, íntimos convencementos que pertencen á esfera do indiscutible. En función diso construímos  diversas visións sobre o presente e o futuro da lingua. Tamén os políticos.

Nunca esquecerei a “visión”  daquel crego mindoniense, cando hai anos nun estudo sobre estas cousas, ao ser preguntado sobre o uso do galego na súa liturxia, respondeu con total frescura: “eu o galego non o uso para misar porque ten moitas palabras soeces”.

Tampouco non é para perder de vista a “visión” dos xornalistas. No pasado 2010 houbo un titular de “La Voz de Galicia” (non invento, publicouse o 5 de maio na edición de Carballo1) que é para gardar nas hemerotecas. A cousa dicía así:  “Dos encapuchados de habla gallega atracan a punta de pistola la estación de servicio de A Ponte do Porto”.

Hai mocidade estudada nas nosas cidades, mesmo xornalistas en exercicio, honesta e absolutamente convencida de que o galego non se fala en Galicia, quitados os parlamentarios diante da Cámara e os políticos do Bloque diante das cámaras. Por iso resulta salientable que nun atraco os seus perpetradores “hiciesen uso del habla gallega”, especialmenmte na Ponte do Porto que, como é sabido, é unha zona na que se adoita falar eslovaco con acento de Murcia.

Si. A cousa segue; parecía que a tendencia comezara a cambiar, pero o retroceso é brutal.  Está vivísimo ese inconsciente sobre o galego como fala esquinada e residual, lingua en coidados paliativos terminais, con cheiro a estrume, sardiñas e gaita. Lastre. Prescindible complicación. Etiqueta política.

A miña pregunta honesta e aberta a Feijoo e ao seu Conselleiro de educación é esta: cal é a vosa visión sobre o futuro do galego? Existe? Deixémonos de xogos de pequenos, de disimules, de cálculos electorais cativos, saquemos do armario o noso imaxinario sobre o galego. Como vemos o galego de hoxe en cen anos? Queremos iso?  É iso o que merecemos? E desde aí, tirar do fío: É unha perda ter lingua propia? Hai linguas inservibles para as matemáticas? Son coruñeses e vigueses seres xeneticamente incapacitados para un bilingüísmo real e efectivo? Que é normalizar o galego? Por que tanta retórica sobre preguntarlle aos pais, se despois seguimos sen satisfacer a un 40% da xente das cidades que manifestamos a preferencia por un ensino en galego? Por que non nos deixamos de tanta farsa, de tanto complexo pailán?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s