O relato sobre un Deus realmente bo


Redacción

Conversa con Andrés Torres Queiruga

A teoloxía e a Igrexa deberían darnos boas noticias sobre Deus, pero isto non pasa a miúdo. A teoloxía de Andrés, que agora está no momento doce e merecido da homenaxe e da recapitulación de toda unha vida de pensamento e comunicación sobre o divino no humano, é radicalmente optimista. E por iso é coherente co cerne da mensaxe cristiá: non é posible outro relato sobre un Deus que é un amante apaixonado da humanidade. Esta entrevista coa que nos agasalla, non é exactamente unha entrevista teolóxica, pero si unha entrevista con boa teoloxía. E ese é un ben escaso.

Andrés Torres Queiruga
Foto de Tucho Valdés

Disque Andrés Torres Queiruga acaba de se xubilar e que hai homenaxes, entrevistas, ensaios. Diante desa xubilación, que sentimento é o que máis predomina en Andrés? A ledicia -ese xúbilo da etimoloxía latina- quizais o de nostalxia….?

Un pouco de todo. Unha sensación de normalidade. Parece que as cousas non van comigo. O principal: unha sensación de continuidade, acaso algo máis libre para me dedicar a certos proxectos pendentes.

Por certo, quen é o que se xubila: o profesor universitario, o teólogo, o sacerdote ou a persoa?

A sensación de continuidade é, ante todo, da persoa. A xubilación nótoa, sobre todo, no de profesor, pois aí o cambio é radical.

E pois, chega un bo momento de facer balance. De que te sentes intimamente máis satisfeito, máis feliz, máis realizado? Que é, pola contra, o que percibes como pendente, como inacabado, como insuficiente?

Sen dúbida a miña maior satisfacción está na realización do meu labor teolóxico. Creo que aí fun encontrando o meu ton e perfilando unha mensaxe que ante todo foi liberadora para min mesmo. Pendente está a realización dalgúns proxectos teolóxicos. Un nunca sabe nin se estará á altura nin se haberá tempo para os realizar. De insuficiencia a que máis noto é o malentendido dalgunha oficialidade eclesiástica que, con informes torcidos, fixeron que se enfocasen mal, moi mal, tanto a miña teoloxía como as miñas intencións. Pero teño a alegría íntima de comprobar que alí onde iso non existe son ben, moi ben, comprendido e acollido.

Dános unha exclusiva mundial: que proxectos son eses?

Como proxecto inmediato estou en algo así como unha síntese de como comprendo eu hoxe a fe. Aínda non estou seguro de encontrar o estilo e a medida. Soño cun tratado sobre Deus e cunha Cristoloxía. Soño.

Resulta imposible separar a túa traxectoria, a túa evolución da propia historia recente da Igrexa e, máis en concreto, da sempre pendente Igrexa galega. Que dirías que puido ser e non foi na túa, na nosa Igrexa?

Desde o pontificado de Quiroga Palacios a nosa igrexa galega non acaba de se encontrar a si mesma. Perdeuse a oportunidade do Concilio Pastoral de Galicia. Perdeuse a ilusión da Asemblea Conxunta. Non se emprendeu ningún plano pastoral que, de verdade, quixese preparar un futuro creativo. Desde o paso de Suquía desapareceu todo proxecto ilusionador. Calma, sen verdadeira esperanza.

Que é máis doado de levar: un teólogo cristián dentro da institución universitaria ou un profesor universitario de filosofía dentro da Igrexa institución? Cres que a independencia que che outorgou ser profesor da USC tivo influencia sobre a túa liberdade para afondar na teoloxía?

Ningunha das dúas tarefas resulta doada. Pero non cabe negar que a Universidade crea un espazo moito maior de liberdade intelectual. Debo dicir, así e todo, que antes e despois mantiven o mesmo ton e a mesma liberdade no meu traballo teolóxico. Hai avance pero non cambio de dirección na miña obra. Nunca escribín nada que non pensase e, menos, no que non crese.

Está a Igrexa a furtarlle a ao seu pobo un bo alimento teolóxico, un discurso compatible coa modernidade no que expresar e vivir a fe?

Penso que non se xestionou, nin se xestiona, ben a herdanza magnífica do Vaticano II. Foi unha enxurrada de esperanza e liberdade, e houbo medo. Optouse pola restauración, e iso ofrece seguridade inmediata pero pecha o futuro. En bastantes puntos fundamentais a teoloxía está en débeda coa súa obriga de facer viva a Palabra da revelación.

Fálanos dos teus grandes e irrenunciables referentes

O primeiro, interpretar todo, absolutamente todo, desde un Deus que, creando por amor, non busca nin o seu “servizo” nin a súa “gloria”, senón só e exclusivamente o ben e a realización humana. O segundo, traballar xuntos para o mostrar. A nivel teórico, renovando a teoloxía coa idea dun Deus totalmente entregado ao noso ben e, por iso mesmo, non intervencionista nin precisado de que o informemos ou tratemos de o convencer cunha oración e unha liturxia non debidamente actualizadas. A nivel práctico, apoiando e promovendo todo aquilo que axude a humanidade, empezando sempre desde abaixo, dos pobres, marxinados e sufrintes: hai moitas crentes e moitos crentes empeñados niso cunha enorme xenerosidade, elas e eles deberían ser os grandes referentes eclesiais. O terceiro, no que non me podo estender aquí, é o de (re)establecer unha verdadeira relación entre relixión e moral: teño a impresión de que un mal enfoque neste punto está impedindo falar de Deus e do seu verdadeiro sentido na nosa vida; coa consecuencia de grandes desercións de xente que por “falsos escándalos” na moral non comprenden o verdadeiro sentido da fe.

Repensar o Mal, editorial Galaxia
Repensar o Mal, editorial Galaxia

Por veces dá a impresión de que o “encubrimento moral” do cristianismo obedece a un pánico cardenalicio a quedarse sen “substancia cristiá”, sen papel no mundo. De feito a causa do Xesús histórico é “transrelixiosa” é unha aposta pola humanidade, pola xustiza, polo “tiven fame” do capítulo 25 de Mateo. Tería que ver, máis ben, cun macroecumenismo, que abranga a persoas doutras relixións, doutras identidades, agnósticas etc. Son, quizais, chegados os tempos dunha nova realidade que supera o estreito e -tantas veces opresivo- marco das relixións?

Certamente o que chamades encubrimento moral obedece ao medo. Medo a que se a Igrexa non determina as pautas morais, cunha clara acentuación de todo o que ten que ver co sexual, producirase unha desmoralización xeral. Pero, repito, o problema central é colaborar no encontro das pautas para unha auténtica moral humana. Estou seguro de que, sendo actualizada, acabará converxendo con valores centrais do Evanxeo, en torno á xustiza, á fraternidade igualitaria, á verdadeira humanización. E despois, o núcleo da predicación neste terreo está en animar a cumprila, mesmo cando poida ir contra os propios intereses. Contra certa tendencia moi actual, sigo a pensar que Xesús é unha figura profundamente relixiosa, só que dunha relixión revolucionaria, porque se apoia na experiencia dun Deus Abbá, pai-nai, emborcado en amor sobre todas as súas creaturas, convocando ao amor activo, abrindo esperanza a pesar do mal e do absurdo aparente. Neste sentido converxe coa intención profunda de todas as relixións e mesmo co fondo de todos os movementos humanizadores.

Non se pode falar da túa obra ser ter presente á Revista Encrucillada, da que es fundador. Cal pensas que é o presente e futuro da teoloxía galega e española? Pódese falar dunha futura “escola queiruguiana”?

Encrucillada é un pequeno milagre nun panorama moi desasistido. A teoloxía está nun período baixo. Pero o vento do Concilio segue aí: reavivará as ascuas. E hai unha esperanza que a min me impresiona cada vez máis: a cantidade enorme de laicos e laicas que están a estudar teoloxía. De aí sairá algo novo, non previsible aínda, pero que espero moi renovador e fecundo.

De “escola” resultaríame ridículo non só falar senón mesmo pensalo. Do que si teño case seguridade é de que algunhas das ideas que propoño acabarán sendo moi xeralmente aceptadas: non porque as propoña eu, senón porque están no ambiente, acaso sen formular. Gustaríame que a miña teoloxía, dito nunha categoría que me é moi querida, resulte “maiéutica”, faga de parteira que axude á toma de conciencia e á clara formulación. De feito, a acollida sobre todo en latinoamérica, pode ser unha confirmación. En todo caso, é un grande ánimo para min.

Moitos tiveron presente a Torres Queiruga a raíz da polémica deste ano cando comezaron a falar dunha posible condena dalgúns dos seus posicionamentos teolóxicos. Houbo polémica e manifestos de apoio. Como ves agora toda aquela polémica? Pensas que pode rexurdir nalgún momento?

Creo que o claro contraste entre a ameaza e os apoios reforza o que dixen antes. No fondo, está aquel malentendido oficioso. Teño a esperanza de que ese enguedello, que considero absolutamente inxustificado, se apague por si mesmo e acabe dunha vez.

Torres Queiruga é, sen dúbida ningunha, un das figuras senlleiras da cultura e da lingua galega actual. Membro da Real Academia Galega, do Consello da Cultura Galega. Non só cos seus escritos, senón tamén na rúa, como se o veu detrás dunha pancarta dunha marcha en defensa da lingua galega. Que importancia ten publicar a súa obra en galego?

Publicar en galego é para min consecuencia evidente de ser galego e vivir en Galicia. Paréceme que non ten ningún mérito. Se acaso, unha chamada á situación duramente anormal da nosa igrexa neste respecto. A lingua ten un porvir difícil, que pide o compromiso de todos. A igrexa non cumpre; creo, e cústame dicilo, que recuou. O goberno, o mesmo. En ningún dos dous casos penso en mala intención subxectiva, pero si nun moi falso diagnóstico que está a facer un tremendo dano ás entrañas de Galicia; dano político e relixioso.

“Chega Queiruga ás portas do ceo” –estas cousas pasan- “e San Pedro dille: oes, Andrés, dime o Santo Padre/Madre, o de verdade, que para pasar tes que resumirme en dous parágrafos o cerne do teu discurso sobre Deus, a humanidade e a salvación”

Diría algo así: “Querido Pedro, case colega, porque son fillo de mariñeiro, o meu salvoconduto non chega a dous parágrafos; abonda con un que case non me atrevo a pronunciar: tratei de lle dicir a xente que “Deus só sabe, só quere e só pode amar”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s