A marabillosa historia do Nadal


Christina Moreira

Lucas (capítulo 2) é o único dos catro evanxelistas que relata con detalles o nacemento de Xesús en Belén. Os exexetas e os historiadores están dacordo para fixar a data deste nacemento como anterior à fixada por Dionisio, o Exiguo cando estableceu a era cristiá no século VI. Por suposto, o 25 de decembro débese unicamente ao solsticio de inverno. O censo que motivou o desprazamento de Xosé e María a Belén é difícil de datar. Por que estas imprecisións históricas? Porque a historia do Nadal non é un relato histórico. A chegada dos anxos anunciando o nacemento aos pastores e cantando a gloria de Deus “no máis alto dos ceos” deixa ben clariño que se trata dun estilo literario diferente do estilo dun historiador, que pretende ser obxectivo. E por iso quedaría este relato desprovisto de todo significado? Desde logo que non, ben ó contrario, cada feito escollido polo evanxelista quere expresar algo máis importante que a verdade histórica.

Busca primeiro ancorar firmemente a Xesús na espera do seu pobo da vinda do Mesías. Este debía ser da familia de David, por iso cómpre que naza en Belén, a aldea do rei David, dando as razóns da viaxe de Xosé e María. Inmediatamente conta o nacemento, non entre fastos reais, máis ben na meirande sinxeleza: un cortello ou unha gruta, sen mais berce que unha manxadoira.

Esta escena conmovedora fainos aprezar de entrada a rica personalidade de Xesús, que se presenta á vez como mestre e como servidor, glorioso e menosprezado. Como ese neno non é un “recén nacido calquera envolto en capizos”, Lucas recorre ao rexistro do marabilloso para recalcar o que será o destino excepcional de Xesús e que, evidentemente, os autores dos evanxeos coñecen ben, xa que Lucas redacta o seu, uns 40 anos despois dos acontecementos da vida, morte e resurrección daquel a quen eles chaman o Señor. Cando Xesús nace, quéresenos facer entender que o ceo e a terra xa non están separados. Do mesmo modo, noutros episodios marabillosos da vida de Xesús, chega do ceo ou este entreábrese. En Xesús é Deus mesmo quen se achega á humanidade.

Os pastores, avisados misteriosamente do nacemento, representan una categoría social que non tiña boa sona. Tíñaselles por vagabundos ou bandoleiros. A elección de Lucas para facelos intervir ten unha razón. Xesús dirá máis tarde: “Non vin para os xustos senón para os pecadores “. Os excluídos son os primeiros en ter parte na gran nova de Xesús e en crer nela. Son os primeiros apóstolos, volvendo do presebe van contando por todas partes o que o anxo lles dixera deste neno.

Este relato é unha revelación: Deus mesmo colle dunha forma moi especial un rostro humano en Xesús e manifesta así a súa total implicación na historia humana. Por iso, para os e as que descobren que esta gran noticia da plenitude dá sentido á súa condición humana, o Nadal, cada ano, segue a ser unha marabillosa historia.

2 comments

  1. É certamente escandaloso que se atente contra a historicidade do relato bíblico; só temos que tirar da manta para ver como se descalabraría toda a vida do espíritu revelada por Deus. Ou ben a Biblia ten a consideración de verdade, ou é unha serie de contos míticos (Bultmann e outros) que deste xeito non ten nada que dicirme, xa que por historias impactantes podo quedarme con “avatar”… Non debe ser suficiente espiritualiza-los feitos narrados, nen sequera alegorizalos. Temos que confrontar a idea sublime de que falamos de Deus, de Deus Omnipotente, Omnipresente, Omnisciente… se é así, entón non compre que analicémo-la historia coa nosa visión partidista, parcial e escura dun entendemento tan limitado, salvo que o que se queira interpretar neste texto e a intención dun “deus” desde a perspectiva humana. Sendo así a mín non me interesa, como tampouco me interesa a relixiosidade baleira de espiritualidade que se falsea con ritos e costumes para enchela de contido.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s