O longo conflito do Sahara


Moisés Lozano Paz

Logo de 35 anos de ocupación por parte de Marrocos, catro semanas de protesta pacífica por parte dos saharauís, pedindo mellores condicións de vida, dan como resultado un campamento devastado e un número de vítimas por determinar. Mentres tanto, España mira cara a outro lado e mantén unha criticable neutralidade xunto coa Comunidade internacional

Orixes do conflito: unha pésima descolonización

A colonización española do Sahara occidental comezou a finais do século XIX, cando as potencias europeas se repartiron o continente africano na Conferencia de Berlín de 1885. Unha política dilatoria do Estado español (creación dun partido saharauí de obediencia española, sistemático adiamento do referendo de autodeterminación, lento e pesado despregamento diplomático….), a situación foise volvendo cada vez máis insostible.

Xa nos remates da ditadura franquista, acompañada dun intenso cambio social, a sociedade española experimentaba unha forte politización, con expresións políticas e ideolóxicas polarizadas, nacionalistas e ata violentas (ETA eliminara o presidente do Goberno, o almirante Carrero Blanco, en 1973, considerado como o home forte do réxime e sucesor de Franco). Este simbólico e transitorio baleiro de poder foi habilmente aproveitado por Rabat, coa famosa Marcha Verde. Uns 350.000 marroquís son alentados polo seu goberno para que ocupen o Sahara nun claro desafío da minguante autoridade que aínda detentaba España no territorio. Os civís marroquís son precedidos por unidades do seu exército (uns 25.000 soldados), que comezan a despregarse no noroeste do Sahara e a protagonizar algúns combates cos guerrilleiros da Fronte Polisaria. De seguido España evacuou os seus nacionais e evitou a temida confrontación.

Desde entón, e a pesar da ambigüidade e cambio de posición dalgúns políticos da transición, a conciencia de corresponsabilidade coa situación do pobo saharauí non deixou de medrar no seo da sociedade civil española. Para moitos cidadáns, o abandono dos saharauís á súa propia sorte segue sendo a materia pendente da política exterior española desde a transición, que non se puido emendar coa suposta “neutralidade activa” que mantén España no conflito.

Desenvolvemento do conflito e perspectivas de resolución

Tras a retirada española en 1976, a Fronte Polisaria proclama a República Árabe Saharauí Democrática (RASD). Á súa vez, os exércitos marroquí e mauritano penetran no territorio saharauí, onde se atopan coa resistencia da guerrilla da Polisaria. A primeira vítima que cobra a agresión é o desprazamento forzado dunha boa parte da poboación saharauí cara aos campos de refuxiados de Tinduf en Alxeria. Os enfrontamentos teñen un desigual e variable resultado.

O avance militar marroquí consolídase no que se considera o Sahara útil; isto é, onde se atopan os seus principais recursos naturais: fosfatos, pesca e, segundo algunhas prospeccións, petróleo e gas natural.

Desde entón, as conversas entre a Polisaria e Marrocos non lograron concretarse en ningún acordo ou avance significativo, a pesar dos sucesivos plans barallados durante todo este tempo. As posicións das partes seguen sen aproximarse e é moi probable que sigan manténdose inamovibles nun futuro inmediato. Xa que logo, o escenario máis previsible é unha prolongación da situación actual, nin de guerra nin de paz.

Pero as décadas de ocupación, represión e agravios non contribuíron a dobregar a vontade política dos saharauís de ser un día libres e independentes. Pola contra, a súa conciencia nacional e nacionalista incrementouse. A iso súmase a mocidade. Neste sentido, obsérvase un desprazamento do epicentro do movemento de resistencia saharauí desde o exilio cara ao interior, cunha evidente renovación xeracional. A maioría dos seus mozos e mozas naceron baixo o réxime de ocupación marroquí, están familiarizados co mesmo e pasaron o limiar do medo. Por iso é polo que se mostran desafiantes coas súas accións colectivas de protesta.

Co establecemento do campamento de Gdeim Izik os saharauís dos territorios ocupados simbolizaron o exilio interior ao que están sometidos, ao mesmo tempo que retiraban a súa obediencia política á ocupación. Sen esquecer, para rematar, a crecente conivencia, solidariedade e implicación da sociedade civil española e transnacional; e na que a información xoga un papel crucial ante unha sociedade internacional de Estados que se mostra indiferente á traxedia saharauí. Esperamos que os dereitos humanos das persoas e do pobo saharauí sexan respectados e garantidos polos organismos internacionais.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s