*Tomado do sitio de Partenia.
Elaborado por Christina Moreira
A liturxia católica propón catro semanas para a preparación do Nadal. Catro semanas nas que se mesturan dúas chegadas, dous “advenimentos” de Cristo: xa veu, na nosa condición humana; volverá novamente revestido da súa gloria. Os cristiáns prepáranse para celebrar o nacemento do Neno de Belén e, ao mesmo tempo, volven os ollos cara o futuro para agardar o retorno glorioso de Cristo. É o Axa pero aínda non@. Para entrar no misterio do Nadal, a liturxia pon un énfase especial na personaxe de Xoan o Bautista, enviado por Deus para preparar os camiños do Señor.
O tempo do advento é tempo de devezo. Un desexo sempre alimentado, nunca satisfeito, que empurra cara adiante co gozo de saírlle ao encontro a Aquel a quen non deixamos de procurar. Alí onde exista un desexo, haberá un camiño.
Non é como agardar inquedos por un tren que non acaba de chegar. Tampouco a espera angustiada por un ser querido do que a vida corre perigo. Nin é a espera ilusoria de aqueles que só viven para un pasado desaparecido para sempre.
É a espera gozosa duns pais que se preparan para o nacemento do seu filliño. A espera dos vixiantes da alborada. Saben que, a noite pode chegar a facerse moi longa pero deixará paso ao día. É a espera dos namorados da vida. Viven en estado de acollemento. Estar vivo, é ser acolledor, acolledora, acollendo o que vai a vir, o que pode acontecer, o inesperado, o inédito. Entrar na aventura da vida.
Pero tamén están os decepcionados e decepcionadas da vida, os que xa non esperan nada dela. Xa non esperan nada deles mesmos, nin de Deus, nin da Igrexa, nin da sociedade. Poderíase dicir que a súa vida parou. Xa entraron na morte.
Cando Deus ven habitar entre nós, todo é novo, todo debe ser novo. É unha boa noticia que nos cambia a vida. O tempo do Advento faise extensivo á humanidade enteira. Un gran Advento de esperanza: outro mundo é posible. No noso planeta, coas chagas abertas das desigualdades e das violencias, pode xermolar a xustiza e a paz. Non existe a fatalidade. Cando Deus entra na nosa historia, abre as portas do futuro, regálanos a paixón polo posible.