A Igrexa do Gran Pladur


Daniel López

Somos animais simbólicos, por iso temos a linguaxe. Moitas linguaxes. Coa palabra falamos do que dominamos, do que comprendemos, e así domesticamos a realidade. Para o que non comprendemos, para o que nos supera, para o que nos admira, para a emoción, para o amor, para o Misterio, temos a linguaxe do símbolo, do xesto, da aperta, da prostración, …e da auga, da luz, do óleo, do bico, do agarimo e do agasallo. No medio está a poesía que é a palabra feita de símbolo. Nadamos nun mar de símbolos. E o noso corazón está moldeado polos símbolos nosos de cada día. A cousa da fe é toda feitiña deses símbolos. E do evanxeo non poden -xa lle gustaría- domesticar os símbolos: a mesa sinxela, o camiñar sen nada, o látego no templo, os peixes con pan compartidos (e un lamentable servizo de seguridade capitaneado por Pedro, o suposto antecesor).

A Igrexa do Gran Pladur

No foro de Encrucillada, por exemplo, o Queiruga, con setenta anos, falou de Deus. Pero pouco. Porque Deus merece moito silencio. Nada de estraños imaxinarios, ceos-glorias-trindades-querubís-infernos-demos. O pouco que se debe falar. Unha intuición, un fío: Deus só pode ser amor sen condicións. E despois, a tirar dese fío. Toda unha vida tirando dun fío, non para comprender a Deus, si para entender a vida e a historia humana á luz desa intuición sandadora. Si para entender que a historia da relixión é unha procura chea de erros e que a propia biblia é o retrato desa busca, entre outras buscas, deses erros e acertos. Tamén para entendermos que a humanización, a felicidade compartida, a compaixón e a xustiza (faga quen a faga), son o fachinelo polo que Deus nos chisca un ollo.

Tremendos os símbolos da visita papal. A cidade tomada pola policía, faraónico pastiche no medio dunha praza patrimonio da humanidade (plateresco, románico, barroco, neoclásico… e pladur). Adoración diúrna do personaxe, “Santo Padre” -dobre idolatría, ou “Santo Pai”, que xa é moito de máis, por iso de ser Papa e proxenitor e santo, o tres en un-, Xunta de Galicia, Gadis, Eroski… Estatuas repentinas, rexistros domiciliarios, cidadanía cabreada e invadida. Reprimenda á sociedade laica. Catro millóns drenados duns orzamentos anémicos. Dous deles para a televisión. E veña outra volta ese arrepiante superaltar de estilo pladuresco, pastiche dun día, rodeado de policía e helicópteros. Linguaxe simbólica… u-la boa nova? Con ese envoltorio pouco máis ten o caramelo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s