A lei dos chiringuitos


Estase a tramitar no noso Parlamento a Lei de Organización e Funcionamento da Administración Xeral e o Sector Público Autonómico de Galicia, máis coñecida como a lei dos chiringuitos (aínda que non só se ocupa deles.)

Os diferentes gobernos fóronse encontrando cunha Administración pública cada vez máis profesionalizada, chea de procedementos que poñían excesivas trabas ás decisións políticas. Porque cando chega ao poder, o político pensa que con dicir o que quere, chega para que os seus desexos se cumpran. Os políticos viven na inmediatez: céntranse no que hai que facer. A Administración céntrase en como hai que facelo. Ante a lentitude do funcionamento administrativo, reticente ás presas dado o elevado número de chapuzas que caía (e cae) nas súas mans, o político axiña discurriu unha forma de facer as cousas de forma rápida, contratando con moitas menos trabas ao persoal e ás empresas que necesitaba, e sen tanta burocracia. Nacen así os chiringuitos, oficialmente chamados entidades instrumentais.

Hoxe, todas as Administracións teñen entidades deste estilo, algunhas máis chiringuitos que outras. Son necesarias, porque non todo o traballo público o pode facer un funcionario. As entidades e as empresas públicas aseguran unha maior flexibilidade na organización das novas demandas; ofrecen persoal adaptado a novas necesidades, algo non sempre doado de encontrar entre o funcionariado. Pero o problema é que da flexibilización na contratación, que é certamente necesaria, abusouse e abúsase con demasiada frecuencia.

Sorprendentemente, aínda é hoxe o día no que en Galicia non temos unha lei que regule este tipo de entidades. Cada unha regúlase pola norma que a crea. Que exista unha norma de cabeceira para todas é bo se hai afán de aplicala (algo no que teño as miñas dúbidas). No Estado, despois de varios intentos, os resultados son ben pobres, porque sempre se deixa aberta a porta a que se sigan creando entes que vaian por libre e aos que non haxa que aplicar a lei. Parece claro que os únicos chiringuitos que queremos regular son os dos outros.

Sería tamén absolutamente necesario establecer topes nos salarios que cobran os presidentes destes entes, tanto nos propios salarios como nas cláusulas de blindaxe que agroman cando se lles rescinde o contrato. E xa postos, non estaría de máis que os partidos botasen a vista atrás para lembrar como se posicionaron no seu momento fronte a todas estas decisións. A falta de memoria dana a credibilidade. E mentres a nosa casta política siga suspirando por controlar os seus votantes en vez de servilos, a lei de chiringuitos terá un nulo efecto práctico.

Pedro Pedrouzo Devesa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s