UNHA ACHEGA AO CONCEPTO DE COOPERANTE


O pasado 8 de setembro celebrouse en España o Día do Cooperante, como se ven facendo dende que en 2006 o Consello de Ministros aprobara por Real Decreto a conmemoración desta data, en recoñecemento ao labor dos cooperantes en todo o mundo. A razón da elección desta data concreta era salientar que, coma cooperantes, estas persoas traballan pola consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, 8 obxectivos subscritos por 189 xefes de Estado e de goberno nesa mesma data do ano 2000. Neste ano 2010, o termo de cooperante volveu ser obxecto de controversia polo secuestro das tres persoas colaboradoras de Barcelona Acció Solidaria. Por parte de todos os medios falouse durante os nove meses de cooperantes, cando realmente era voluntarios.

Ás veces definir a palabra cooperante resúltanos realmente moi complicado, pero o que debe quedar claro dende o principio é que un cooperante é un profesional, un asalariado que en lugar de traballar en territorio español desenvolve as súas tarefas profesionais nun país en vías de desenvolvemento. Esta é a teoría, porén, por extensión da palabra, acábase denominando cooperante a todos/as os que desenvolven actividades de cooperación nestes países, sen diferenciar se estamos falando de empregados de axencias e organismos internacionais, bolseiras/os ou simplemente voluntarias/os que colaboran en organizacións do sur. Pero o que de ningunha maneira podemos considerar cooperantes son figuras como as dos tres secuestrados, que empregando ferramentas doutros tempos como son as caravanas solidarias, caras pero indubidablemente con moita visibilidade para os seus financiadores, responden máis á satisfacción das súas propias necesidades.

Pero ben é verdade que independentemente do termo empregado, o traballo dos nosos expatriados é cada vez máis relevante e valorado por parte da sociedade. Relevante, grazas ao desenvolvemento das novas tecnoloxías que nos permiten coñecer case a tempo real o seu traballo e valoralo, porque se algo move a estas persoas é un sentimento de solidariedade, sobre todo se temos en conta que pudendo desenvolver a súa carreira profesional nun mundo desenvolvido e competitivo elixiron traballar coas comunidades nos países do sur.

Este ano, aproveitando esta celebración,púxose en marcha en Galicia un rexistro de cooperantes galegas/os no exterior, para así poder ter unha ferramenta que ofreza datos fiables e actualizados sobre o conxunto dos galegos que realizan o seu traballo no ámbito da cooperación en países en vías de desenvolvemento. O resultado deste rexistro mostra que neste momento xa hai polo menos 102 galegas/os traballando en tarefas de cooperación. Case a metade deles están traballando en países do continente americano e outro 26 por cento en África. O 63 por cento deles son mulleres, e o 67 por cento están comprendidos entre a franxa de idade de 25 a 35 anos. Cómpre destacar que máis da metade destes cooperantes traballan ao servizo das ONGD, principais axentes da cooperación ao desenvolvemento. Agora ben, non todo é cantidade, o máis importante é que a calidade da cooperación sexa axeitada ás necesidades dos beneficiarios, ese é a finalidade.

Fidel Martín .Director do Instituto de Estudos Sociais e Internacionais

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s