O lado escuro


En diversos medios vólvese falar dun asunto que debería causar a calquera católico “xesuánico” -isto é, dos que consideran que o realmente decisivo na Igrexa deberían ser a vida e as palabras do que inspirou o invento, pagándoo bastante caro- un sentimento de vergoña e cabreo. De novo as impenetrables finanzas do Vaticano están no punto de mira. E esta vez é a xustiza italiana a que investiga a dous directivos do famoso IOR por non aterse ás leis europeas contra o branqueo de capitais, leis que están pensadas, nada menos, que para poñerlle as cousas difíciles a narcotraficantes, mafiosos, traficantes de armas, terroristas e outras marabillas do universo.

Pero católicos xesuánicos débeche haber poucos. Predominan outros. Os católicos igrexistas, por exemplo, controlan moito e están mellor organizados. Para estes o decisivo é que a gran organización consolide posicións e domine, para o que todo vale. O mundo contra nós. Guerra! Utilizan ditos que fan referencia a aliarse co demo para ben da santa casa, sociedade perfecta ou arca de Noé -con algunha vía de auga. Mandan máis do que pensabamos, que xa non era pouco.

Hai máis: están os católicos santeiros, parecidos aos virxinistas, que, alentados polos igrexistas, foron reducindo isto da fe a un toma e daca, eu che pago, ti me das. Que dexenerou en: eu pago ao comercial de negro e que el se encargue de tratar co seu xefe de arriba para que me amañe o meu (porque se non… boto uns cagamentos que baixo tódolos santos, que o que paga, manda).

E por últimos están os católicos ceremonistas, que teñen ben claro que, para eles o quiosco serve para darlle color aos chamados “ritos de paso” e ben que lle chega: as flores no florista, as fotos no fotógrafo, a paparota no restaurante-spa e da cerimonia, previa consulta da tabela de prezos polo aluguer do templo, que se encargue don Crisanto.

Os igrexistas, que foron expulsando e arrecantando nas marxes aos xesuánicos, non se decatan de que o mundo -que teñen por inimigo pero é o seu “obxectivo”, pois mundo son os santeiros, os virxinistas e os ceremonistas- atura e perdoa case todo…menos a penumbra. Sonche cousas da mentalidade democrática e adulta. O mundo pode ser un capullo e deixarse manipular por medios e poderes, pero leva moi mal que non corra o aire, que non haxa luz, que se corran estúpidos veos. Así foi co dos abusos a menores. Así será co das finanzas vaticanas e o seu lado escuro.

Daniel López

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s