Unha inmensa simpatía


A raíz do recente pasamento de Stéphane Hessel (1917-2013), desatouse, como non podía ser doutra maneira, un enorme afecto e sincero agradecemento entre todas as persoas de ben.

 

Membro da resistencia francesa, arrestado pola Gestapo, preso nos campos de concentración, diplomático atípico e autor, xa con máis de noventa anos, do ensaio Indignádevos, este francés, nado en Alemaña, europeo universal, acaba de redondear unha existencia íntegra ao servizo da paz, dun sistema social xusto e equitativo e da exemplaridade ética republicana.

 

Hessel alternou as súas funcións na ONU, na axuda ao desenvolvemento, con diversos postos como alto funcionario francés. Participou na redacción da Declaración universal dos dereitos humanos e, xa xubilado, permaneceu socialmente activo e implicado, sendo notorio o seu papel a favor dos 350 “sen-papeis” da Igrexa de Saint-Bernard, en Paris, en 1996, enfrontándose ao goberno Juppé; ou, sorprendendo a moitos, ao presentarse –no fondo da lista- nunha candidatura ecoloxista. O seuIndignádevos foi un referente nas loitas contra a xestión da actual crise, a corrupción e as políticas antisociais en Europa, África e América.

 

Nunha entrevista en 2006, que o diario Libération titulaba “Eu sei recitar cen poemas” , Hessel declaraba: “Teño a impresión de estar no limiar da morte e síntome moi satisfeito diso. Non lle temo á morte e, mesmo, en certa maneira, atráeme”. En Le Monde, no 2010, declaraba: “Só somos nós mesmos cando tratamos de sobrepasarnos, cando non nos conformamos co xa experimentado”.

 

Tamén en Libération, deixou escrito isto: “O barco no que todos navegamos xa non ten cubertas separadas para ricos e para pobres, para brancos e para negros, para estes do norte e aqueles do sur, para os poderosos e os esfarrapados. É esencial que tomemos unha clara conciencia desa interdependencia, unha conciencia que exclúa todo populismo e impoña unha sólida democracia mundial”.

 

Stéphane Hessel foi unha mostra viva de que unha ética universal é posible. Unha ética común e reivindicable para a especie humana, a xeito de común denominador moral que pode ser matizado ou enriquecido polas diversas tradicións filosóficas ou relixiosas, pero nunca apropiado por ningunha delas,  nin excluído de ningunha sociedade en nome de crenzas ou ideoloxías.

1 comments

Deixar un comentario